Hoxe lúns, 12 de outubro de 2009, unha solemne Eucarista de acción de gracias, presidida polo Ministro Xeral da Orde Franciscana, Fr. Xosé Rodríguez Carballo, pechará os actos conmemorativos do V Centenario das Clarisas Tudenses, iniciados hai agora un ano coa entrega ás “Encerradas” da Medalla de Ouro da Cidade. Dende Tudensia queremos sumarnos a este feliz acontecemento con este artigo publicado, hai agora un ano, no xornal electrónico “Vigo Matropolitano”.
O ESENCIEIRO TUDENSE
O ESENCIEIRO TUDENSE
A histórica cidade de Tui asentada nas ribeiras do Miño posúe unha rexa personalidade forxada no percorrido dos séculos, das conquistas, dos avatares da fronteira.... No alto da colina de pedra, coma dicía o lembrado Eliseo Alonso, xunto da Catedral, a paisaxe petrea da acrópole tudense énchese coa presenza do mosteiro das Clarisas que descansa sobre o solar da Torre Vella e de Santa María da Oliveira na que tiveron morada os bispos tudenses polo século XII.
Ollar este convento que fala do traballo do tudense Melchor Feal –que modelaba a pedra en Tui ou en Contrasta-, dos planos da igrexa realizados polo mestre Domingo de Andrade... nos evoca, ante todo, a iniciativa de dez mulleres tudenses de fundar, no 1508, un beaterio no que compartir a súa vocación relixiosa, dedicándose a unha vida máis intensa de oración. Nunca sospeitarían que aquela “aventura” chegaría onda nós logo de cincocentos anos.
Contemplar, pois, este mosteiro é coma achegarmonos a un esencieiro, que agocha nas súas paredes un anaco do que é Tui, do que conforma o espirito das xentes desta cidade deitada onda o Miño. Achegarse ao convento é destapar este esenciero... as clarisas conservan con agarimo unha parte da alma tudense, son transmisoras coa súa presenza dalgúns rasgos da identidade de Tui. Pois o repique, bulideiro ou lene, da súa campá aínda nos acompaña cada día a todos os que percorremos as vellas e enlousalas rúas e calellas; o torno do mosteiro, sempre envolto naquel halo de misterio para todos os cativos, segue xirando no amplo recibidor monacal; a celebración da festa familiar cos peixiños ou cunha tarta de améndoa das Monxas recupera vellas tradicións familiares; pasar polo túnel que comunica a antiga rúa da Oliveira coa Miñoteira ollando o lento discurrir do Miño... contemplar o amplo conxunto conventual... testemuñan, como aromas aquilatados, directamente ao corazón de todas as xentes de Tui un fío que nos une de xeito indefectible coas nosas queridas “Encerradas”...
Pero abrir este esencieiro posibilita tamén, non o esquezamos, percibir aquel “bo olor de Cristo” que a vida contemplativa das nosas Clarisas leva estendendo pola nosa cidade nestes cinco séculos amosando a plenitude e a vixencia dunha vida entregada ao Evanxeo, dunha existencia desposada en Cristo, dende unha radical e entregada liberdade que testemuñan tantas e tantas mulleres que se teñen realizado como personas e como cristiáns nos muros deste mosteiro de Santa María da Concepción amosando a ilusionante vixencia da vida cristiá ao longo deste cinco séculos que hoxe celebramos.
Rafael Sánchez Bargiela
Comentarios
Publicar un comentario