Ir al contenido principal

Fulgor e morte de Evangelina Jaso

"Casa da Gramática, revista de creación literaria e cultura" é unha publicación que edita anualmente o Instituto de Ensino Secundario "Virxe do Mar" de Noia, que testemuña, como por exemplo a revita "Max Estrella" do IES "San Paio" de Tui, o bo traballo que en diversos centros educativos se desenvolve, con sensibilidade e habelencia, en materia cultural convertendo a estas publicacións en referentes de creación e difusión da nosa cultura. O número 32 de "Casa da Gramática" é un especial dedicado "As silenciadas" no que figura un traballo referido á nosa cidade da autoria de Marga do Val sobre unha vítima tudense da barbarie da Guerra Civil, Evangelina Jaso. A vocación de Tudensia é recoller aquelas noticias e traballos de interese para a nosa cidade, especialmnte cando non son de fácil acceso ao público, como é este caso, onde resalta o dramatismo daqueles tempo tan escuros, pero que forman parte da nosa historia máis recente. Acompaña a este traballo unha ilustración do tamén tudense Julian Jaso. Gracias á autoria e o ilustrador por permitir que recollamos neste blog o seu traballo.




Fulgor e morte de Evangelina Jaso

Para Ramona Jaso





Na cidade onde só a lúa é transparente e a néboa se converte en moradora espectral, hai palabras que ficaron gravadas nas pedras milenarias, case nunca se ven, pronúncianse ás agachadas, arroladas nas abadas das nais, nos soños solitarios dos nenos e das nenas que descoñecen o camiño que leva ao lugar do esquecemento chamado Parte Ningunha, por onde conduciron ao pai ou á nai, ou aos dous… Parte Ningunha non figura nos mapas nin en apuntes xeográficos, se acaso brilla algunha vez nunha estrela nos contos de antes de durmir ou séntese en estralidos que chegan ao fondo do peito e que se sabe que veñen de alá. Para poder vivir ou sobrevivir as xentes da cidade, e tamén había xente boa, decidiron situar aos habitantes de Parte Ningunha no máis absoluto dos silencios. Mais ficaron as palabras gravadas nas paredes, arroladas nas abadas das nais ou nos soños solitarios dos nenos e das nenas… E as palabras saben que cando muda o tempo poden e deben regresar (…).


Entre as palabras que abandonaron as cociñas, a louza dos chineiros, a roupa dos baúis, as cantigas da máquina de coser, os retratos e os recendos a metralla, camiñan ergueitos algúns nomes, para regresar do país de Parte Ningunha (… ) Nomear é existir. Evangelina Jaso é un nome que regresa.


Hai unha vella fotografía de familia que nos conmove, nela observamos ao pai, Enrique Jaso, á nai, Josefa Martínez San Juan, á filla máis vella, Evangelina Jaso, que mostra unha fermosa cabeleira, e que se atopa no primeiro fulgor da súa adolescencia, segue o rapaz, Enriquiño Jaso, ambos os dous son o froito do primeiro matrimonio do pai. Hai outra nena Josefita, máis nova e no colo da nai está Loliña. Os retratos gardan o momento da harmonía, o prestixio e o futuro polo que o cabeza de familia loitaba e que desexou atrapar e gardar. Ninguén podía adiviñar a traxedia que todas estas persoas ían vivir.


Só sobrevive Loliña, a pequena, no convento de Clausura das Monxas Clarisas da cidade de Tui, no que entrou achegando como dote as súas capacidades musicais de organista. Os sucesos acaecidos na cidade de Tui a partir de xullo de 1936, deixaríanlle só as súas firmes crenzas relixiosas. Sería superiora do convento durante corenta anos e escribiría a súa vida en verso.


Josefita, morreu na flor da mocidade aos 16 anos, a tuberculose chuchoulle a vida. De grandes inquedanzas literarias deixou nun caderno escrito o relato La Inclusera.


Enriquiño Jaso foi paseado e asasinado preto de San Miguel de Tabagón. Cando abandonou a casa da familia levaba o mellor traxe, inocente, non sospeitaba a negra fortuna que lle agardaba. Contan que cando o atoparon do seu traxe non ficaba nada.


Enrique Jaso Paz, o pai, socialista e militante do agrarismo, xa fora unha das persoas detidas en Tui por mor dos sucesos ocorridos en Sobredo, na parroquia de Guillarei en 1922. As autoridades do novo réxime de terror sabían a quen mataban e a quen debían eliminar. O 26 de agosto de 1936 foi fusilado en Tui.


Josefa Martínez San Juan, debeu abandonar a casa que construíra o seu home. Esta é tamén unha historia moi triste. Non figuraba por escrito a súa propiedade. Despois de traballar para manter a Luís, Ramona, Carmen e Lucita, fillo e fillas do seu matrimonio, en 1950 abandona con Carmen e Lucita a cidade e marcha a México, onde viviría até o remate da súa vida.


É Ramona Jaso, a filla de Enrique Jaso, que tiña só 8 anos, canto fusilaron ao seu pai, a que vai debullando a historia da familia que coñece e transmite para que regresen do país de Parte Ningunha. Mantén as palabras que oía vivas na súa memoria. Fai que a moza do retrato da fermosa cabeleira, Evangelina Jaso, as súa irmá máis vella, cobre vida e que mesmo sexamos capaces de oír a súa voz.


Moza namorada, entrara en relación co seu home, José Alonso, anarquista, máis coñecido como Pepe, “o Negro”, a través do seu irmán Enrique, de quen era amigo. Casan polo civil e teñen unha filla. José Alonso foi fusilado, o mesmo 26 de agosto de 1936 co seu sogro. Evangelina tiña 25 anos, seguiu vivindo e nun primeiro momento acolleu no seu domicilio á súa nai aos irmáns e irmás. Pouco despois a nai buscaría casa e acomodo, noutro lugar, onde poría unha tenda pequena para ir sobrevivindo.


Evangelina ficou coa filla moi pequena, de meses, e unha noite da primavera de 1937, abriulle a porta, acolleu e agochou durante días aos fuxidos do Porriño, os irmáns, Eduardo e Rogelio Fernández Miniño e a Herminio Saavedra. Evangelina é evidente xa estaba baixo sospeita, mais contan na cidade, que desde a tenda onde mercaba a comida, comezaron a sospeitar xa que ela vivía soa coa filla e non se xustificaba a cantidade de alimentos que levaba, as cousas non cadraban. Un día, pola mañanciña, rodearon a casa, os irmáns Fernández Miniño conseguiron librar da morte, esta vez, e fuxiron. Herminio Saavedra e Evangelina Jaso, foron apresados.


O fulgor de Evangelina, como se ve na ilustración do seu sobriño, Julián Jaso, sobreponse á cidade de Tui, á morte por fusilamento do seu pai Enrique Jaso e do seu home José Alonso, o asasinato do seu irmán. Evangelina, simplemente fixo o que tiña que facer: darlle abeiro na súa casa a quen o precisaba.


Os días previos á morte foron dolorosos para a nai. Tremendas as torturas nunha cadea habilitada preto da catedral, non había onde meter a tanta xente. A imaxe de Evangelina nunha camioneta descuberta, deixaron muda á cidade. Evangelina era unha muller, era nai. Foi fusilada o 24 de abril de 1937, na Alameda de Tui, como o seu pai, como o seu home. Tiña 26 anos.


Fulgor da mocidade da vida aberta, morte terríbel. Para dar exemplo.


Ramona Jaso garda o retrato e a memoria coa que viviu sempre. Memoria da historia verdadeira das mulleres Jaso que seguen adiante. Ás veces, Gala Paula, a sobriña neta de Evangelina, fai tocar o seu violín como oración laica, música celestial no país de Parte Ningunha.


Julián Jaso acertou a pintar o fulgor dunha estrela e facernos sentir no fondo do peito un estralido que viña de alá, de Parte Ningunha.




(Apuntes inéditos para unha biografía de Evangelina Jaso)


Marga do Val

Comentarios

  1. Como ben dicía Bieito Alonso o pasado domingo na alameda de Tui, co gallo do 10º aniversario da inauguración do monumento en memoria das vítimas do franquismo, hai que manter viva a memoria para o presente e para as xeracións do futuro.
    Grazas por traer do país de Parte Ningunha esta historia da nosa memoria. Grazas a "Casa da Gramática" e ao IES "Virxe do Mar" de Noia, grazas a Marga do Val e a Julián Jaso, e grazas a Tudensia e ao seu mantedor.
    RAF

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le