Ir al contenido principal

Trinta anos da morte de Eduardo Padín


O pasado 6 de xaneiro, festividade de Reis, cumprirónse trinta anos da morte do humorista e debuxante e pintor tudense Eduardo Padín, un dos máis sobranceiros artistas que ten dado Tui.
Nado na cidade tudense un 13 de outubro de 1886, seu pai era Ricardo Padín (o seu tio Hipólito Padín Díaz de Robles foi Alcalde de Tui nas últimas décadas do século XIX) e tamén un gran artista e a súa nai Leonor Rodríguez. Cursa os seus primeiros estudos no Seminario da cidade e como, sinala Clodio Gónzalez Pérez, “logo abandonou os estudos e adicouse a outras labouras, antre elas a de pintar: obras primeirizas son as pinturas da capela do Seminario, algúns cadros para o convento de monxas franciscanas, o telón para o monumento da Semana Santa das Clarisas, as vidrieiras do desaparecido pazo episcopal...”.
No ano 1916 publica os seus primeiro debuxos ou “monos” na revista “Vida Gallega”, que pola boa acollida axiña figuran na portada da revista. Esta revista, fundada en 1909 por Xaime Solá Mestre, foi un acontecemento periodístico, tanto pola súa continuidade ata 1935 como pola nómina de colaboradores como pola ampla difusión que acada e, especialmente, polo tratamento da imaxe, tanto fotográfica coma as ilustracións. Eduardo Padín será entre 1924 e 1927 subdirector da revista e colaborador ata a súa desaparición o 30 de xaneiro de 1935.
En 1923 comeza tamén a súa colaboración en “Faro de Vigo”, no ano seguinte participa con varios cadros humorísticos no semanario tudense “La Semana”. Tamén participou coas súas ilustracións noutras publicacións como “La Integridad” de Tui, “La Región” de Ourense, “El Pueblo Gallego” de Vigo, “E Ideal Gallego” de A Coruña, etc.
Dende 1930 establécese en Vigo traballando como administrativo nun garaxe até a súa xubilación.
Da súa obra pictórica hai numerosos exemplos espallados por Tui, Vigo e numerosas cidades pois realizou unha obra ampla e abondosa, caracterizada polo seu dominio do debuxo e o seu realismo. Podemos citar, coma exemplo, o retrato do Bispo Salvado, conservado no Museo Diocesano, ou o retrato do bispo Florenco Cerviño, hoxe no Salón de Plenos da Casa do Concello, paiasaxes tudense, etc.
Eduardo Padín Rodríguez salientou tamén pola súa iniciativa en numerosos ámbitos da vida social: era un animador entusiasta das sociedades de recreo tudense, logo en Vigo foi, entre outras cousas, presidente da sociedade de “Amigos del Arte” que organizou, por exemplo, a exposición dos traballos da aula de debuxo o modelado do Instituto de Segunda Enseñanaza tudense, que dirixia o profesor Prieto Coussent, nos Salóns de Faro de Vigo na primavera de 1935.
Forma parte dunha xeneración de humoristas gráficos galegos que desenvolveron a súa actividade nas tres primeiras décadas do pasado século (como Castelao, Vidalés Tomé, Maside, Torres, Díaz González, Leumas, Osés, etc. que viron truncada a súa traxectoria pola traxedia da Guerra Civil.
Nunha entrevista en Vida Gallega (na súa segunda época na que xa non colaborou) en 1955 preguntánlle:
“- ¿Es usted partidario de la pintura moderna?
- Soy partidario de todo lo bueno, sea de ahora o de antes. Pero rechazo terminantemente las desviaciones, los camelos, con que hoy nos quieren engañar un buen número de seudopintores. Unos trazos, unas líneas, unos brochazos más o menos geométricos, ¿pueden ser considerados como obras de Arte?. Una cosa es el cartel publicitario –en éste si que se ha notado el avance- y otra muy distinta un cuadro o un dibujo.”
Eduardo Padín morreu aos 92 anos de idade o 6 de xaneiro de 1979 cando tras pasar o Nadal e Aninovo en Tui “volta para Vigo no coche de línea. Ó apearse na parada da rúa da República do Uruguay atopouse mal e entrou nun bar, denbde o que foi trasladado a un centro hospitalario, ao que xa chegou cadavre”.
Coincidindo co centenario do seu nacemento organizouse na Igrexa de San Domingos unha exposición antolóxica da que por mágoa no foi editado catálogo e salvo o libro de Clodio González de 1983 ou a escolma que figura na obra “Artitas tudenses” de 1993 non existe outra obra dedicada ao noso artista que reclama o seu lugar na panorámica artistica galega.

Comentarios

  1. Gracias polo recordo de Eduardo Padín, un tudense que moito quería a súa cidade.

    ResponderEliminar
  2. 40 años , hace que estàs en el Olympo , no te olvidarè.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya