Ir al contenido principal

Caldelas protagoniza a primeira peza de teatro en galego que se conserva



Estamos rematando o ano 2008, dedicado na nosa cidade á lembranza do insigne escritor e polígrafo Xosé María Álvarez Blázquez. A celebración deste ano posibilitou o descubrimento das múltiples facianas ou facetas abordadas polo noso escritor ao longo da sua traxectoria vital.
Posiblemente unha das súas meirandes contribucións á cultura de Galicia teña sido o seu labor como editor, a través das editoriais Monterrey e posteriormente Castrelos. En ambos selos sacou do prelo numerosas obras literarias e de investigación de extraordinaria importancia para a nosa cultura contemporánea e polo rescate do esquecemento de textos clásicos
Entre estas obras figura a edición da primeira peza de teatro escrita totalmente en lingua galega que se conserva e que ten como protagonistas ás xentes miñotas de Caldelas. Trátase do “Entremes famoso en que se contiene la contienda que tubieron los labradres de la feligresia de Caldelas con los portogueces sobre la pesca del rio Miño. Año de 167...”, ainda que máis coñecida como “Contenda dos labradores de Caldelas”.
Este manuscrito foi publicado por Fermín Bouza Brey no ano 1953 na editorial Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez. Nunha nova oportunidade atopamos o interese do editor tudense por recuperar e divulgar esta xoia da nosa cultura, un traballo que neste ano dedicado á súa lembranza foi posto en valor.
A obra é da autoria de Gabriel Feixoo de Araúxo, do que descoñecemos case todo salvo que era “licenciado” e que estaba ao parecer emparentado co P. Feijoo. Fermín Bouza Brey establece tamén como data o ano 1671, podendo ser o da súa redación ou da sua primeira representación. O término “famoso” empregábase naquela época para indicar que esta peza teatral fora representada alomenos unha vez pois a peza, é evidente, foi escrita para ser representada.
A peza está composta de 433 versos con grande variedade métrica e atópase nun manuscrito do século XVII da Biblioteca Nacional de Madrid procedente da casa ducal de Osuna. Este texto, segundo Bouza, non sería o orixinal senón unha copia realizada por un copista que descoñecia o galego e o portugués. Para os estudosos é custionable que a peza sexa un “entremés”, xénero daquela xa moi ben condificado, e do que se aparta esta obra.
Da Galipedia recollemos: “Ten como tema un dos moitos enfrontamentos que os habitantes das dúas beiras do río Miño mantiñan polos dereitos da pesca. Na peza, un fidalgo portugués pretende saltarse a regulamentación tradicional facendo dous lances (saída dos barcos pesqueiros) por cada lance que fagan os galegos. Fronte a el, o cabaleiro Roleiro está disposto a impedilo e ambos loitan en escena, saíndo campión o galego, que unha vez só en escena conta como é a batalla. Os espectadores saben que os portugueses son derrotados polo pranto que unha portuguesa realiza no escenario sobre o cadáver do seu home. A obra termina coa reconciliación final entre os habitantes das dúas beiras e a celebración conxunta dunha festa e dun baile.
Na Contenda, o fidalgo si que responde a tipo de fachendoso e mullereiro que presentaban os fidalgos dos entremeses, pero Roleiro non é o rústico parvo e, ademais, por riba, gaña, de modo que hai unha subversión social. Ademais, a peza está localizada nun tempo e nunha xeografía concretas. E o espectador identifícase con Roleiro”.
Asi pois esta peza teatral ubicada nas ribeiras miñotas de Caldelas e Friestras é a primeira obra teatral que se conserva escrita íntegramente en galego. As terras tudenses teñen pois á honra de fornecer para a nosa cultura, naqueles séculos escuros, esta peza teatral que ilustra sobre a lingua, os costumes, as relacións de veciñanza... en definitiva a vida social das xentes do Miño.
Todo un monumento da cultura e a lingua galega centrado en Tui e que, por mágoa, é prácticamente descoñecido polas xentes da nosa cidade. Confiemos que, máis pronto que tarde, algún grupo de teatro animese a representar esta peziña para recuperala para a memoria colectiva dos tudenses divulgando deste xeito seu coñecemento.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall