Ir al contenido principal

A prol dun museo no Mosteiro das Clarisas


O Mosteiro das Clarisas tudenses érguese como solemne conxunto arquitectónico no alto do outeiro tudense, ocupando o solar da antiga igrexa da Oliveira e os primeiros pazos episcopais e dos iniciais elementos defensivos da cidade como a chamada “Torre Vella” de Fernando II. Aínda hoxe o peche norte deste mosteiro é a muralla medieval que agocha a única porta que se conserva: a das Estrabancas, actualmente cegada pero perfectamente visible.
Un conxunto enriquecido pola igrexa conventual edificada seguindo os planos do mestre arquitecto compostelá Domingo de Andrade e os armoniosos retábulos, posiblemente obra de Francisco de Castro Canseco, e dotados dun grande equilibro estético e artístico.
Pero esta comunidade, que agora celebra o quinto centenario da súa existencia, maila penalidades sofridas por guerras e conquistas, aínda conserva nas dependencias da clausura numerosos obxectos de uso litúrxico ou mesmo doméstico que posuen unha singular trascendencia como pezas de interese artisticos e/ou histórico.
Ao longo do presente mes de outubro a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición que baixo o título de “Cinco séculos desposadas...” deseña un percorrido polos principais fitos da historia deste Mosteiro de Nosa Señora da Concepción e polo xeito de vida desta comunidade de clarisas que teñen na oración en común e na devoción eucarística o seu centro. Pezas como un facistol barroco e un cantoral da mesma época, ou dúas excelentes custodias, especialmente unha cunha decoración dun pelícano –imaxe alusiva á Cristo- do século XVIIII salientan no conxunto de máis de sesenta obxectos alí expostos.
Non menos merecentes de mención son outras pezas expostas: unha imaxe en pedra caliza policromada de San Antonio, posiblemente de autoría ou influencia portuguesa, unha talla en madeira da Inmaculada Concepción, diversos óleos dos século XVII e XVIII, etc. No propio convento ficaron outras pezas non menos significativas tanto de época románica como óleos barrocos de gran formato ou mesmo a bula de fundación do convento de 1515.
Pero unha peza destaca especialmente: o libro de “Toma de hábitos” realizado en pergamiño e ilustrado polo pintor Francisco de Caldas en 1569 por encargo do bispo Diego de Torquemada, exemplo sobranceiro de iconografía renacentista e onde salienta a iluminación deste libriño realizado en pergameo. Entre as imaxes representana cómpre resaltar a figura dun gaiteiro, cicáis a representación máis anterga deste músico característico da nosa terra.
Certamente estamos diante dun dos máis senlleiros conxuntos artísticos tudenses que reclama pola súa antigüidade, pola sua trascedencia para a conformación da cidade, polas pezas artísticas alí conservadas... unha posta en valor ou musealización.
A celebración desta exposición puxo en evidencia a idoneidade de prantexar a convenencia de abordar un proxecto musealizador deste Mosteiro, poñendo en valor o seu patrimonio arquitectónico e exhibindo esta colección de obxectos de interese histórico e artístico que as Clarisas tudenses conservan tras os muros conventuais. Exemplos similares en Galicia poderíamos citar as Clarisas de Allariz, a Colexiata da Coruña, Lourenzá, etc.
Un pequeno museo, ou máis propiamente, unha colección visitable neste Mosteiro suporía unha importante achega para a difusión pública deste conxunto patrimonial e contribuiría eficazmente á promoción da cidade de Tui como un dos referentes patrimoniais de Galicia.
Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le