Ir al contenido principal

Presenza xudía en Tui, mitos e realidades


PRESENZA XUDÍA EN TUI, mitos e realidades
A feliz iniciativa tudense de sumarse ás celebracións que, por toda Europa, se realizan nesta fin de semana para chamar a atención sobre o importante papel que a cultura xudía tivo no desenvolvemento da cultura europea posibilitará que os tudenses poidan achegarse mediante visitas guiadas a diversas testemuñas materiais que evidencian a herdanza das xentes xudías na nosa cidade.
Conta Tui con duas testemuñas, case únicas, que ilustran a presenza e influencia das xentes xudías na nosa cidade. Por unha banda, a inscrición no Claustro da Catedral dun candelabro de sete brazos, unha menorá, situada fronte a entrada á Sala Capitular románica. O historiador Carlos Barros, sinala que “a gravación desta menorá non se pode confundir cunha marca de canteiro, como ás veces a estrela de cinco puntas; polo seu tamaño e significación non cadra cunha función técnico-constructiva, pois representa de xeito sen dúbida consciente o símbolo máis antigo do xudaísmo: o candelabro de sete brazos como imaxe identificativa do pobo de Israel”, que rememora a arbore con lapas que viu Moisés no Monte Sinai como presenza de Deus, e o seu uso estaba xa no Tabernáculo do deserto e logo no Templo de Xerusulen. Ainda na actualidade é o símbolo do Estado de Israel. O curioso é que ninguén foi quen de borrar este símbolo nin nos tempos da Inquisición, cando foi establecido o estatuto de limpeza de sangue para o acceso ao Cabido tudense, primeiro caso documentado en España.
A outra testemuña, é a coleccón de “Sambenitos” que custodia o Museo Diocesano tudense. O nome que deriva o hábito penitencial ou “saco bendito” dos primeiros tempos do cristianismo, otorgouse na Idade Media ás vestimentas que eran obrigados a portar os condenado pola Inquisición. En tempos de Felipe II regulouse que no caso de condenado fuxidos foran colocadas nas paredes da igrexas unha teas cos nomes e cargos dos condenados para escarnio público. As pezas de Tui corresponden á diversos membros da familia Coronel condenados no século XVII. Estes sambenitos son unha peza de excepcional importancia pois non coñecemos outras similares en toda España ou Europa. A lectura da obra de Jesús Casás Otero “Los sambenitos del Museo Diocesano de Tui” é recomendable para quen quera achegarse ao proceso que desemboco una colocación destas teas nas paredes da Catedral tudense (ás veces semilla unha trama novelesca).
Os traballos de Ernesto Iglesias Almeida e de Suso Vila teñen amosado como a presenza xudía en Tui foi una constante ao longo da Idade Media e mesmo nos primeiros tempos da Idade Moderna. Pero circulan entre os tudenses máis de un erro sobre esta presenza das xentes de Separad en Tui.
En primeiro lugar, o que podemos afirmar é a inexistencia dun barrio xudeu ou xudería na nosa cidade, como moitas veces temos escoitado afirmar. Os xudeus tudenses vivían misturados cos cristiáns, sen problemas graves de convivencia, dedicados básicamente ao comercio, a artesania (prateiros), etc. O que está documentada en Tui, compartida con Baiona, é a existencia da alxama ou agrupación de carácter fiscal e económico que reunía aos xudeus tudenses. Con todo serían, como moito, unha ducía de familias xudías as que residirían en Tui, pois en Galicia os xudeus non superarían as mil personas.
Outra falsidade moitas veces escoitada entre os tudenses é vencellar a presenza dos arcos conopiais en numerosas vivendas do noso conxunto histórico coa residencia dun xudeu naquela casa. Os arcos conopiais corresponden a edificacións levantadas básicamente do século XVI, cando xa os xudeus tiñan sido expulsado do Reino de Castela.
Na Idade Media Tui contaba cunha comunidade xudía potente e asentada como testemuña a existencia da sinagoga, na zona da Oliveira, o cemiterio, na Sarabia, e a carniceria na zona da rua Triparia, actual Entreforros –non esquecamos que os xudeus soio poden comer alimentos kosher, elaborados segundo as prescipcións do Talmud, entre eles, a carne onde establecese un procedemento detallado para o sacrificio dos animais-. A presenza deste establecemento é un dato único en Galicia, pois non atopamos referencias similares en ningunha outra cidade ou vila galega.
Unha lectura dos traballos de Iglesias Almeida e Vila Botanos nos achegan á realidade da presenza xudía en Tui, patentizando a importante achega que as xentes xudías realizaron á historia tudense, ao seu desenvolvemento e progreso. A pacifica convivencia foi unha constante, mesmo para as nosas mentalidades nos sorprende como os prateiros xudeus realizaban cruces e cálices para o Cabido catedralicio amáis de prestarlle diñeiro cando teñian dificultades económicas o de liquidez.
Tras a expulsión dos xudeus de 1492 a situación estratéxica de Tui favoreceu a presenza en Tui dos chamados “cristianos novos”, ou xudeus que para non marchar convertíranse ao cristianismo, ainda que mantendo prácticas e/ou costumes propias da sua cultura. Foi, por exemplo, o caso de Antonio Sánchez, que chegado cos súa familia dende as terras de Aragón fuxindo das persecucións que ali houbo, estableceuse en Tui como médico do Cabido. Un dos seus fillo, Francisco Sánchez, nado en Tui en 1550 será logo un dos máis prestixiosos médicos e filósofos da súa época. Con poucos anos, acaso en torno a 1560, a familia tivo de fuxir de Tui pola presión antihebrea establecéndose na cidade francesa de Burdeos, onde incia a súa formación académica Francisco Sánchez, xunto co seu parente Michael de Montaigne. Os seus escritos, básicamente o “Quod nihil scitur”, fan de Francisco Sánchez o máis importante exemplo da aportación dos xudeus e os xudaizantes á historia de Tui. Francisco Sánchez é un dos tudenses máis sobranceiros de todos os tempos, resultando aínda paradóxico que en Tui non teñamos nin unha rúa nin unha estatua que faga xustiza a súa excepcional achega á filosofía universal. A obra de Sánchez, editada en 1581, é unha fonte de inspiración (para moitos sinxelamente una copia) para René Descartes e o seu “Discours de la methode”, anunciando o discurso filosófico que está na orixe do pensamento moderno, o problema é que Francisco Sánchez escribía en latín e René Descartes en romance, cando o latín xa non era comprendido e deixaba de ser usado na Universidade.
Xudeus e xudaizantes pois unha referencia certamente ineludible na historia tudense.
Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

  1. Moi boas, é a primeira vez que escribo, gústame o blog, e agardo que teña unha longa vida.
    Por outra banda sobre os xudeos puiden conseguir o libro de Suso Vila e me gustou moito pero no puiden conseguir o libro de Ernesto Iglesias do que se fala no post, ¿onde pode conseguir ese libro?

    ResponderEliminar
  2. Gracias pola túas palabras. O traballo de Ernesto Iglesias é un artigo titulado "Los judios de Tui" en Sefarad, revista de estudios hebráicos, sefardies y de Oriente Próximo, ano 1947, Madrid, CSIC, 1987.
    Agardo que continues accedendo ao blog, así como os teus comentarios.

    ResponderEliminar
  3. Grazas, pero pensei que as referencias a Ernesto Iglesias serían dun libro sobre o tema dos Xudeus e non dun artigo. Supoño que o que trate o artigo xa virá recollido no libro dos Xudeus de Suso Vila, xa que polo que vexo a data do artigo é bastante antiga.
    Espero que se sigan con estos temas porque me interesan moito. Por desgraza non puiden estar nas xornadas sobre os Xudeus, ¿se pensa voltar a facelo o ano que ven?
    Moito ánimo co blog

    ResponderEliminar
  4. Advirto un erro na cita do artigo, é na revista Sefarad nº 47, ano 1987. Iglesias Almeida ten publico logo alguns novos datos, como o do pai de Francisco Sánchez.
    En relación á xornada sobre a cultura xudea, celébrase en toda Europa na primeira semana de Setembro e é intención continuar en vindeiros anos tras a magnífica acollida.
    Gracias polos ánimos e tentaremos continuar aportando algo de interese.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall