Ir al contenido principal

Francisco Sánchez, "o tudense"


FRANCISCO SÁNCHEZ
Rematabamos a última achega a Tudensia reivindicando, ao abeiro da celebración da Xornada europea da cultura xudía en Tui, o nome de Francisco Sánchez como expresión sobranceira, e serodia no tempo, da aportación que xudeus e xudaizantes teñen realizado á historia de Tui.
Insisto no feito realmente sorprendente que Tui, o seu berce, únicamente lembre a este fillo egrexio co nome dun Instituto de Ensino Secundario e que ningunha rúa, placa, estatua… rememore para tudenses e visitantes ao posiblemente máis importante fillo desta terra. Teremos de visitar Braga para contemplar na Praza de Sâo Joâo unha imponente estatura deste médico e filósofo.
Francisco Sánchez forneceu na sua obra filosófica algunhas das liñas mestras do pensamento moderno. Os nosos irmáns portugueses ben que souberon da súa importancia e insistiron dabondo na súa condición de bracarense, baseandose na información proporcionada por un dos seus discípulos. Pero no ano 1907 o investigador francés Henry-Pierre Calzac atopou no arquivo da universidade de Montpellier a nota manuscrita da súa inscrición do puño e letra do noso pensador na súa Facultade de Medicina no que se identifica como “Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”.
Pola súa banda existen defensores da su orixe portuguesa, que amosan unha partida de bautismo, disctutida por moitos, de Francisco Sánchez no ano 1551 na igrexa de San Xoán da cidade de Braga. Amáis o propio filósofo declaraouse como “bracarensis” nalgunha oportunidade. De todos os xeitos a polémica historiográfica continúa e e máis recentemente o investigador Carlos Mellizo sinala que o seu bautismo foi na diocese de Braga e mesmo defende que aconteceu na inmediata Valença do Minho.
Outro dato documental de gran trascendencia é que o pai do filósofo, o médico Antonio Sánchez, de ascendencia xudea e, segundo algúns investigadores procedente da zona de Aragón, instálase, fuxindo das persecución aos xudeus, na cidade de Tui en torno á métade do século XVI casando coa portuguesa Filipa de Sousa.
Sabemos, gracias ás investigacións de Ernesto Iglesias Almeida, que Antonio Sánchez foi contratado polo Cabido da Catedral tudense como médico o 29 de abril de 1558. En consecuencia, Francisco Sánchez nacería na nosa cidade no ano 1550 ou 1551, posiblemente foi batizado en Braga tendo como padriños ao Comendador Antonio del Castillo e María Gonçalvez, muller do licenciado Manoel Aranha, e viviu en Tui os anos da súa infancia e primeira formación educativa.
Esta condición hispana e non lusitana do noso filósofo queda acreditada no uso permanente que fai do seu apelido Sánchez na súa escrita en castelán non empregando nunca o xeito portugués de “Sanches”.
A familia de Francisco Sánchez tivo de emigrar de Tui, quizáis en torno aos 10 anos do rapaz, cara outras terras case seguro que debido ás presións que os “cristiáns novos”, as xentes de ascendencia xudía, sofrían naqueles anos. Tras abandoar Tui a familia de Francisco Sanchez diríxese cara Burdeos, no sur de Francia, que daquela acollía a numerosos xudeus de Europa. Francisco Sánchez matricúlase no Colexio da Guyenne, prestixioso centro onde tamén estudiou Michele de Montaigne, e que acollía a moitos profesores e alumnos xudeus.
É curioso lembrar que un cuñado de Antonio Sánchez, chamado Antonio López, foi á súa vez cuñado do pai de Michel de Montaigne, o que permite considerar como parentes a dous dos principais filósofos europeos do XVI
Nesta cidade fica ata a morte do seu pai e do seu tio en 1570; ao ano seguinte marcha a Roma, onde tiña tamén parentes (velaí documentadas as amplas redes familiares do xudeus tudenses) e completa a súa formación na Universidade da Sapienza acadando o título de doutor en filosofía. Hai autores que sinalan que tamén estudiou medicina, aprendendo a examinar cadáveres, e especializándose en estudios anatómicos e cirúrxicos. Esta unión entre a medicina e a filosofía era unha realidade amplamente estendida daquela nas universidades italianas. Algún autor conta que na súa estadía romana coincidiu con outro tudense, Diego de Castro, que tiña participado na Batalla de Lepanto e a quen dedícalle dúas das súas principias obras.
En 1573 volta a Francia matriculándose na daquela célebre Facultade de Medicina da Universidade de Montpellier. O 4 de xuño de 1574 logra convertirse en doutor en Medicina. A cidade francesa de Montpellier estaba controlada naqueles anos polos hugonotes, ou calvinistas franceses, que mantiñan posturas nada tolerantes. Factores coma verse rexeitado para formar parte do claustro da súa Universidade, as suas creencias católicas (nas que se mantivo toda a súa vida e mesmo dous dos seus fillos serán presbíteros) e a súa ascendencia xudea forzaron a súa marcha cara a cidade de Toulouse.
En Toulouse onde desenvolve a súa actividade exercendo a medicina; nesta cidade escrebe boa parte da súa obra filosófica. En xaneiro de 1581, ano da edición de Quod nihil scitur, que tiña escrito sete anos antes, comeza a traballar no hospital de Santiago. Será no ano 1585 cando acada o seu nomeamento como profesor de filosofía na Facultade de Artes da Universidade de Toulouse. Pero será en 1610 cando acceda á condición de profesor de medicina na devandita Universidade, na mesma que estudiara Miguel Servet ou na que fora catedrático Giordano Bruno. Manterase como docente ata a súa morte o 15 de novembro de 1623.
A súa principal obra filosófica foi De multum nobile et prima universali scientia. Quod nihil scitur (Do máis nobre e universal saber. Que nada se sabe) que saiu do prelo en Lyon no ano 1581, ainda que o seu limiar o tiña escrito anos antes. Para Francisco Sánchez a única realidade coñecible é o mundo externo, así pois o coñecemento humano soio é de apariencias, de fenómenos. Está é a clave do escepticismo que caracteriza “o tudense”, chamado tamén a cotío “O escéptico”. Amósase así como un claro precursor de René Descartes, ata o punto que varios autores acusan de plaxio ao autor francés; ben certo é que as primeiras páxinas do libro cartesanio lembran, e moito, ao prólogo de Francisco Sánchez.
Amáis da devandita obra, Francisco Sánchez é autor de “Carmen de Cometa” (1578), adicada a combatir e descalificar as prediccións astrolóxicas. Os seus fillos e os seu discípulo Delassus editaron no ano 1636 dúas das súas obras “Opera médica” e “Tractatus philosophici”, nesta se reúnen os seus escritos antiaristotélicos antes publicados illadamente: “De divinationem per somnum”, “ad Aristotelem” e “In librum Aristotelis Physiognomicom commentarius”. Escrebeu tamén “De longitudine et brevitate vitae liber” ou un “Tractatus de anima” ainda que por mágoa non se conservan máis que as referencias. Finalmente no ano 1940 foi atopada a carta de Sánchez ao xeometra do Vaticano, Clavio: “Ad Clavium Epistola”.
Francisco Sánchez foi astrónomo, xeómetra, filósofo e médico, observador infatigable da Natureza, auténtico prototipo de home do Renacemento legando unha obra que foi o inicio da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII.
A principal característica da súa filosofía, moitas veces esquecida, é o feito de que Francisco Sánchez foi o primeiro en empregar o concepto de “método científico”. Non soio empregará este término, que tanto éxito tivo na historia da filosofía, senón que amáis propuso un modelo de método para a ciencia, anos antes que Francis Bacon.
Quizáis a razón pola que Francisco Sánchez, anticipando as teorías que basean toda a filosofía moderna, non acadese o recoñecemento merecerte é que as súas obras están escritas en latín, lingua de cultura que perdía aceleradamente naqueles anos o seu prestixio fronte ás linguas romances, nas que escribiu, por exemplo Renée Descartes.
A súa traxectoria foi reivindicada por persoalidades como Leibniz, Ludwig Gerkrath ou W. Wildeband (que o coloca ao mesmo nivel que Kant) ou mesmo Menéndez Pelayo que no seu discurso de ingreso no Academia, titulado “De los orígenes del cripticismo y especialmente los antecedentes españoles de Kant”, rehabilita a súa figura e a súa dimensión filosófica. Con todo en Galicia e España Francisco Sánchez continúa esquecido e postergado a pesares de ser un dos principais referente do pensamento hispano. Non sucede o mesmo en Portugal onde a reivindicación da súa nacionalidade levou parello un importante traballo de investigación e difusión da súa obra.
Estamos diante dun importante erudito e filósofo do Renacemento europeo cunha importante achega á historia do pensamento. Esta dimensión europea da súa figura, a súa dobre condición de tudense e bracarense, a súa dialéctica entre fe e razón, o interese que na actualidade suscita a súa obra filosófica... fan de Francisco Sánchez un tudense excepcional, sen paragón algún na nosa historia local.
Francisco Sánchez animaba, e séguenos animando, en Quod nihil scitur á procura da verdade aos seus lectores: “Ti mesmo a perseguirás, unha vez que sexa, dalgún xeito, descuberta e sacada do seu acubillo, máis non agardes atrapala nunca nin poseela a sabiendas, abóndete o mesmo que a min: acosala”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis