A dilatada historia tudense fornece abondosos nomes merecentes de lembranza pola súa achega á vida social ou cultural non xa da nosa localidade senón da Península Ibérica e, como no caso que hoxe nos ocupa, mesmo de Europa. A sona do xurista Francisco de Caldas Pereira e Castro alongouse polo vello continente nos séculos da Idade Moderna, pois os seus libros sobre dereito acadaron prestixio dabondo e foron referencia obrigada en numerosas universidades.
Naquel século XVI a cidade tudense posúe un amplo abano de senlleiras personalidades. Xunto ao nome de Francisco de Caldas, podemos citar outros como Álvaro de Cadaval, Antonio Mauricio de Pazos y Figueroa, Francisco Bañez de Soutomaior ou Diego de Zúñiga. Testemuñando a vitalidade da sociedade tudense naqueles anos de inicio da Idade Moderna.
Sobre Francisco de Caldas Pereira e Castro Murguia sinala o seu nacemento en Tui, a mediados do século XVI, namentres que Nicolás Antonio e outros autores din que era portugués. O seu pai, D. Antonio Pereira de Caldas y Castro, fidalgo, estivo na casa real portuguesa de Filipe II e foi comendador da Orde de Cristo –a máis importante do Reino portugués-, era oriúndo da raia con Portugal. Foi señor da Casa de Arcos, na parroquia tudense de Randufe e faleceu o 4 de novembro de 1592 sendo soterrado na primeira das tres sepulturas que posúe esta casa na Capela das Angustias da Catedral tudense. A súa nai Francisca era irmá do celebre poeta e humanista tudense Cadavalo Gravio (Álvaro de Cadaval).
Coinciden numerosos autores en sinalar como data do seu nacemento o 8 de xullo de 1543 na nosa cidade. Sábese que os primeiros estudos de Francisco transcorreron no seu Tui natal, nunha das dúas escolas que daquela funcionaban na cidade: a catedralicia ou a dos dominicos no seu convento. Posteriormente, trasladaríase a Compostela ao obter unha bolsa para cursar Dereito no Colexio de San Xerome. Continuaría os estudos de xurisprudencia en Salamanca, tendo como profesores aos célebres Manuel Costa e Hector Rodríguez, aínda que obtivo finalmente a licenciatura en Coimbra no 1578.
Exerceu a avogacía en Lisboa e Braga. Foi oidor (“desembargador”) da Audiencia de Porto e conselleiro do Rei Filipe II en Lisboa, cabaleiro da Orde de Cristo. En 1597, poucos meses antes da súa morte, foi nomeado profesor de Dereito Cesáreo da Universidade de Coimbra. Francisco de Caldas morreu deixando gran parte da súa producción inédita.
Casara en Portugal con Ana Rocha de Araujo, filla de D. Antonio Francisco de Alcazoba, procurador da Coroa e Alcalde Maior de Erededo A súa viúva encargouse de buscar o financiamento necesario, xestionando a publicación das obras do seu marido.
Segundo Rioboo “da muestras de un gran magisterio en las más dificiles materias de la jurisprudencia, pero en el tratado de renovatione emphiteusis se escedió a si mismo, por que fué de los primeros que ilustraron este dificil asunto”, referíndose ao censo enfitéutico ou foro, unha cesión temporal do dominio util dun ben a cambio do pago dun canón. Unha figura xurídica espallada amplamente na Idade Media e que chegou ata as primeiras décadas do século XX na nosa terra, e que xa no século XVI preocupaba aos estudosos do dereito como Francisco de Caldas.
Avila y Lacueva sinala que “reunía D. Francisco a su elevada sabiduria una aplicación grande al estudio de su facultad, y de aqui resultó el bentajoso beneficio público de dedicarse a escribir sobre lo mismo que leía, y en efecto escribió mucho y bueno, de que se hicieron varias impresiones en Lisboa, Coimbra, Antuerpia (Amberes), León, Francfort y en Madrid”
Destacou Francisco de Caldas como notable filósofo do Dereito, tendo estudado practicamente a todos os filósofos gregos e aos xuristas latinos do período republicano da historia romana. Escribiu diversas obras, entre as que salientan "Receptarvm Sententiarvm", "Quaestionvm Forensivm, et cotroversiarvm civilvm", amais de compilacións e comentarios aos testamentos inoficiosos e decisións dos emperadores Maximiano e Deocleciano. Foi tamén comentarista das ordenacións manuelinas, de onde se deduce que Caldas Pereira foi un “iuspublicista”, o que representaba, na súa época, alguén que se propuña investigar as relacións entre a lei natural e a orixe do poder político. Asi, os vínculos existentes entre a xustificación do poder monárquico en Portugal e súa dimensión xurídico-natural, era un tema bastante afondado a partir dos escritos de Caldas Pereira. Se evidencia a influencia da chamada “Escola de Salamanca” na súa formación e que ten en Francisco de Vitoria o seu principal expoñente.
O seu fillo Gabriel Pereira de Castro naceu en Braga e salientou tamén como xurisconsulto e notable escritor e, como o seu pai, estudioso da política. Escribiu "Decisiones Supremi Eminentissimique Senatus Portugaliae ex Gravissimorum Patrum Responsis Collectae, Noverteque impressae, et correctae legibus et auchoritatibus in gripfo positis" e "Manu Regia", verdadeiros tratados de ciencia xurídico-política, o que resulta innovador no seu momento en que se abordaban con máis dedicación os temas do dereito civil e canónico.
Outro fillo de Caldas figurou como grande xurista do final do século XVI e inicio do século XVII: Luis Pereira de Castro, “deputado e desembargador dos agravos da Casa da Suplicação”, foi licenciado en Dereito Canónico. Elaborou a obra "De Lege Mentali", e salienta por participar no Congreso de Westphalia, en 1648, evento decisivo para a fundación dos Estados Modernos na Europa barroca.
”Sen sombra de dúvida, afirma o bloguero Marcos Boeira, tais autores foram precursores da ciência jurídica em Portugal, tendo preparado o caminho para o desenvolvimento das ciências canônicas, políticas e jurídicas que alcançariam estatura superior ao período da restauração, a partir de 1640, com a volta da dinastia lusitana ao trono, com D. João IV. Ora, os juristas da restauração, como Gouveia Velasco e outros encontrariam nos intelectuais citados as fontes necessárias para a formulação de uma teoria justificativa do poder sedimentada na tradição clássica, formulada tanto na teologia patrística e escolástica- com o Governo dos Príncipes de Santo Tomás de Aquino e também nas fontes dos concílios de Toledo e nas obras de São Isidoro de Sevilha- como também nas obras dos discípulos de Francisco de Vitória, uma vez que a influência da Escuela de Salamanca em Coimbra e no pensamento português era fortíssima. Temos, assim, os primórdios de uma autêntica ciência jurídica portuguesa, de cunho tomista, fundamentando o momento mais decisivo da história de Portugal: a Restauração. (en http://www.midiasemmascara.org/artigos/direito/11644-os-juristas-portugueses-e-a-restauracao.html)


2 comentarios:
Moitas grazas polo que dis de Francisco de Caldas, outro tudense de mérito na historia da nosa cidade, e outro mais (galego?, portugués?) de dubidosa filiación, como o noso Francisco Sánchez.
Non entendo por qué non temos aínda un link a Francisco de Caldas Pereira e Castro na wikipedia galega ou na española. Eu coido que fai falla.
É moito interesante o que contas de Francisco de Caldas, outro tudense de mérito, pouco coñecido agora, grazas!
Tamén é interesante a sua dubidosa filiación (gallego?, portugués?), como a do noso Francisco Sánchez: as fronteiras, de aquela, eran outra cousa.
E por qué non temos un link a "Francisco de Caldas Pereira e Castro" na wikipedia de Tui? Fai falla, coido eu.
Publicar un comentario en la entrada